FAQS
Aparellador, arquitecto técnico ou enxeñeiro da edificación?
Malia o baile de nomes, os tres realizan as mesmas funcións. Emprégase indistintamente unha denominación ou outra para referirse a unha mesma profesión, arquitecto técnico, segundo a Lei de Ordenación da Edificación.
A principal diferenza para utilizar un nome ou outro está en que carreira se cursou e cando se finalizaron os estudos. Así, atopamos tres xeracións diferentes: o aparellador, cuxo plan de estudos desapareceu; o arquitecto técnico e o enxeñeiro da edificación. Esta última denominación creouse coa intención de adaptarse no espazo europeo, aínda que recentemente se volveu cambiar a arquitecto técnico.
A pesar disto, hai universidades que seguen mantendo o nome de Grao en Enxeñería de Edificación, sen que isto teña ningunha repercusión negativa sobre os graduados.
Por que estudar o grao?
Formaraste nunha profesión versátil e dinámica, chegando a poder desenvolver mil profesións dentro da profesión. Aprenderás as novas tecnoloxías aplicadas á construción para enfrontar mellor os retos de futuro; traballarás nun sector clave para a economía e con prestixio internacional. Contribuirás a reducir a pegada enerxética grazas á rehabilitación de edificios antigos.
Todo isto permitirache optar a un amplo abano de saídas profesionais..
Que especialidade do Bacharelato é a mellor para estudar este grao?
O mellor bacharelato é o científico ou tecnolóxico.
En que eidos poderei especializarme logo de finalizados estes estudos?
A arquitectura, o urbanismo, a edificación e a construción son os principais eidos das profesións do arquitecto técnico, dos cales se derivan un amplo abano de saídas profesionais. Entre elas, salientamos as seguintes: dirección de execución de obras, economistas da construción, coordinadores de seguridade e saúde, project managers, xefes de obra, técnicos de rehabilitación e intervención de edificios, consultores de estruturas, especialistas en deseño, xestores urbanísticos, docentes e investigadores, entre outras moitas.
Onde podo estudar o grao?
En 23 universidades espalladas por toda a xeografía española. Podedes consultalas todas no noso mapa interactivo.
Cales son as saídas profesionais dos estudos?
As principais saídas da profesión de arquitecto técnico son:
- Dirixir o proceso construtivo en obras de edificación de nova construción, de rehabilitación e/ou restauración, incluído o derrubamento de edificios: facendo de xefe de obra, director de execución de obras, asistencia técnica, dirección técnica e de produción.
- Control de calidade de materiais e sistemas construtivos, facendo diagnósticos e ensaios de laboratorio, deseño de solucións construtivas, produtos e innovación tecnolóxica na construción.
- Xestión e management do proceso inmobiliario e de edificación como Construction Manager, coordinador de obras, Project Manager ou delegado de promotora inmobiliaria.
- Xestión da explotación e o mantemento de edificios: Property Manager, Asset Manager, Facility Manager, loxística e servizos xerais en empresas.
- Xestión económica na construción: estudos de viabilidade inmobiliaria, estimación de custos, medicións e orzamentos, xestión e control de custos, Risk Management, Quantity Surveyor.
- Consultoría Técnica na edificación: taxacións, valoracións inmobiliarias, peritaxes xudiciais e de seguros, técnico de cabeceira de edificios para mantemento, diagnóstico, reparacións e reformas de edificios, vivendas e locais.