skip to Main Content

SOBRE OS ESTUDOS

Para poder exercer profesionalmente como Arquitecto Técnico necesítase un título universitario. Trátase dunha profesión regulada e, como tal, o estudante ten que superar o Plan de Estudos para poder exercer profesionalmente.

 

A Lei de Ordenación da Edificación 38/1999, do 5 de novembro (LOE), outórgalle ao arquitecto técnico atribucións que implican un recoñecemento de independencia, diferenza e autonomía respecto a outros profesionais intervenientes no proceso construtivo, así como a súa intervención obrigatoria.

 

Trátase duns estudos que che aseguran un futuro no eido da construción, a arquitectura e o urbanismo. A formación universitaria permitirache vivir unha profesión moi polifacética que che abrirá un abano de oportunidades laborais nas que especializarte.

 

Un arquitecto técnico é tan versátil como imprescindible, posto que, nun proxecto de construción, exerce funcións cruciais e de máxima responsabilidade. É o director de execución das obras e, como tal, dirixe e controla todo o que se fai. Como profesional de alto rango, as grandes decisións da execución da obra pasan polas súas mans.

 

O futuro da profesión pasa por tres piares principais: a sustentabilidade, as novas tecnoloxías e a rehabilitación.

 

O traballo de arquitecto técnico evoluciona constantemente grazas a que está moi ligado ás novidades tecnolóxicas que se van producindo no sector. Este feito convértese nunha oportunidade constante de formarse en novos modelos de traballo, novas tecnoloxías, técnicas e ferramentas que melloran o día a día da profesión.

 

Ademais, é un oficio comprometido co medio e que desde hai tempo vela por unhas edificacións sustentables. De feito, o arquitecto técnico é unha peza clave neste aspecto porque as cidades e os seus edificios son responsables do 41 % das emisións de CO2.

 

Mediante a rehabilitación é posible reducir esta pegada e mellorar a calidade de vida das persoas.

Back To Top